Saturday 04 de May de 2024

A Xunta reitera o seu compromiso na Administración de Xustiza coa posta en marcha do Plan de Eficiencia Enerxética e obras menores nos edificios xudiciais galegos


Alfonso Rueda presentou hoxe ao presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, o Plan que conta cun investimento de 3,5 millóns de euros

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, o Plan de Eficiencia Enerxética e obras menores nos edificios xudiciais, que conta cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros, o que amosa o compromiso continuo do goberno galego coa Administración de Xustiza

Alfonso Rueda indicou que o Plan foi xa aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana e comprende tanto actuacións en eficiencia enerxética, cun investimento de 2,5 millóns de euros, coma obras menores cun orzamento de máis dun millón de euros, no que está previsto levar a cabo 185 actuacións.

Este Plan é un paso máis na aposta firme e decidida por dotar aos profesionais e os cidadáns dos mellores medios materiais ao seu servizo, tanto no punto de vista das infraestruturas xudiciais como no das novas tecnoloxías, sempre co obxectivo de acadar unha administración de Xustiza, mellor dotada, máis moderna e máis eficaz.

No que se refire ás medidas de aforro e eficiencia enerxética, as actuacións previstas abordarán tres ámbitos fundamentais: mellora da envolvente dos edificios, instalación de sistemas de calefacción/ climatización máis eficientes e mellora da iluminación das oficinas.

O primeiro bloque comprende actuacións sobre o illamento de cubertas, fachadas e fiestras, entre outros elementos; o segundo a instalación de sistemas de climatización nos edificios que o requiran e a substitución de caldeiras que empregan combustibles fósiles por outras que empreguen combustibles menos contaminantes, en especial a biomasa. O último gran bloque de actuacións comprende unha mellora da iluminación a través da instalación de lámpadas de baixo consumo enerxético (LED) e sistemas de regulación da iluminación.

Unha vez executado o Plan nos edificios xudiciais da Xunta, lograrase reducir o seu consumo enerxético en 1,2 millóns de kWh/anuais e uns aforros económicos de máis de 210.000 euros ao ano. Ademais, reduciranse as emisións de CO2 en 850 toneladas anuais e substituirase a xeración de case 900.000 kWh anuais que actualmente se están a obter a partir de combustibles convencionais -principalmente gasóleo- por unha xeración cun combustible limpo e autóctono como a biomasa.

Obras menores
En obras menores en Xulgados galegos, a Xunta vai destinar un total de 1,1 millóns de euros para realizar ata 185 actuacións nas catro provincias galegas, das cales 64 destas actuacións terán lugar este mesmo ano e para elas xa hai previstos algo máis de 345.000 euros nos Orzamentos 2016.

Estas obras menores consisten en obras de adaptación, mellora ou modificacións puntuais dos contido e distribución dos edificios xudiciais; así como reparacións dos mesmos. Estas obras, na súa maioría, aparecen recollidas no Plan de Infraestruturas Xudiciais, unha ambiciosa planificación que prevías as necesidades futuras de espazo xudicial en Galicia e que ademais de obras de nova creación e rehabilitación, dedicaba un apartado específico a estas pequenas obras de mellora dos xulgados galegos,que xa leva investido máis de 70 millóns de euros e que a finais deste ano terá rematadas ou en execución todas as grandes obras previstas.